Ata o domingo 18 intensificaranse os controis sobre os vehículos de duas rodas.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, fixo hoxe un chamamento á “prudencia” dos motoristas, que deben cumprir as normas de tráfico e mellorar a súa autoprotección. Fíxoo durante a supervisión da campaña especial de control e vixilancia de motocicletas que desenvolven desde o xoves as Xefaturas Provinciais de Tráfico (DGT) en Galicia e a Agrupación de Tráfico da Garda Civil nas estradas galegas e que se prolongará ata o domingo. Acompañado polo xefe do Subsector de Tráfico de Ourense, Javier Barja, e polo xefe provincial de Tráfico, David Llorente, o subdelegado do Goberno advertiu de que “o risco de morrer nun accidente de tráfico é 17 veces maior para unha persoa que vai en moto”, xa que son usuarios vulnerables.

Santos lembrou que o ano pasado morreron nas estradas galegas 22 persoas dun total de 224 accidentes con vítimas e con motocicletas e ciclomotores implicados. Na provincia de Ourense foron tres falecidos dun total de 26 sinistros con motos implicadas. No que vai de ano non se rexistrou ningunha vítima mortal na provincia, na que se contaron tres accidentes con motocicletas. Por iso, o subdelegado puxo como meta “conseguir entre todos que a cifra non aumente e rematar o ano con cero vítimas mortais”. Para lograr este obxectivo, engadiu, “é fundamental a colaboración e precaución dos condutores dos outros vehículos que circulan polas estradas”. “Todos debemos ter coidado nas interseccións cando se achega unha moto e estar vixilantes”, indicou.

Categorías: Noticias