Un total de 13 liñas de apoio espérase que sirvan para seguir garantindo o equilibrio da fauna silvestre co sector primario e a ordenación cinexética e piscícola.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, compareceu hoxe, a petición propia, no Parlamento, na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos para dar conta das principais liñas estratéxicas que está a executar o seu departamento, así como das convocatorias de axudas máis importantes para “seguir tendo unha Galicia ben conservada e garantir ás vindeiras xeracións que poidan seguir desfrutando da nosa biodiversidade, da nosa flora e fauna”, apuntou. Díaz Mouteira expuxo, en primeiro lugar, as actuacións centradas na protección e coidado dos espazos naturais, anunciando unha iniciativa na que traballa o Goberno galego para poder presentar en vindeiras datas: unha identidade de marca que englobe a cada un dos espazos naturais protexidos co fin de realzar e poñer en valor o produto e actividade local, en liña co compromiso da Xunta de impulsar o medio rural.
En palabras da directora xeral, trátase dun proxecto para implicar aínda máis á veciñanza e ás empresas locais na vida dos parques. Destacou, así mesmo, os 18,5 millóns de euros que se están a executar a través do Plan integral para preservar a rede galega de parques naturais que inclúe 30 actuacións divididas en catro grandes áreas: conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural (10,4 millóns) con accións para o mantemento e recuperacións dos hábitats e para a erradicación de especies exóticas e invasoras, entre outras; programa de investigación para a mellora da xestión (825.000 euros); investimento para a mellora das zonas de uso público con actuacións relacionadas coa información, a concienciación, e a sensibilización do patrimonio natural (2,2 millóns); e, por último, o financiamento destinado ás infraestruturas, instalacións e equipamentos (2,4 millóns) con iniciativas como a mellora da eficiencia enerxética da edificación do centro de interpretación do parque natural Baixa Limia- Serra do Xurés (Ourense) e do centro de recepción e interpretación do Invernadeiro.
Mouteira, ademais, puxo de manifesto as axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Altánticas, así como os 5 millóns de euros para darlle “un forte impulso” á xestión e conservación da Rede de Reservas da Biosfera, conformada por 7 espazos que representan o 35% do territorio galego e suman unha poboación duns 570.000 habitantes repartida entre 86 concellos.
Lobo, xabaril e oso
A directora xeral centrou tamén a súa comparecencia a explicar o paquete de axudas dotado con 7,5 millóns de euros para contribuír á conservación da biodiversidade e do patrimonio natural de Galicia. Neste senso, sinalou que son 13 liñas de apoios que contan cun 34% máis de investimento que en 2024, destacando, entre todas elas, as destinadas a previr e paliar os danos ocasionados pola fauna silvestre (lobo, xabaril e oso) dotadas con 5,9 millóns. Como novidade, apuntou que o investimento destinado a paliar os danos do lobo aumentou este ano nun 49%. No que atinxe á orde destinada a compensar os danos ocasionados polo xabaril, aumentou o seu orzamento nun 40% con respecto ao ano pasado; e os apoios polo danos causados polo oso incrementáronse nun 150%.
A responsable do departamento autonómico afirmou, por último, que a Xunta triplicou o presuposto, ata os 1,3 millóns, para apoiar aos concellos e protectoras no coidado de animais domésticos abandonados e indicou o traballo que está a facer a Xunta para crear o primeiro Centro de Protección Animal de Galicia (CPAG). En definitiva, apuntou que as liñas estratéxicas da área de Patrimonio Natural demostran que “Galicia actúa con previsión e planificación fronte á improvisación do Estado” e poñen de manifesto “a rigurosidade da Xunta para protexer Galicia, cumprindo sempre coas directrices europeas”, concluíu.
